Tomás Cuesta, director da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, recolleu o pasado 16 de febreiro no auditorio da Facultade de Veterinaria do campus lucense o galardón, impulsado conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela e polo Grupo Aresa e dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.
O acto de entrega do Premio Aresa, que congregou personalidades dos eidos social, económico, político e cultural, foi presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o reitor da USC, Juan Viaño Rey, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, aos que acompañaron dous membros do xurado desta edición, como son o reitor da Universidade de León, Juan Francisco García Marín, e o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Manuel López Luaces.
José Rafael Marqués da Silva, profesor de Engenharia Rural da Universidade de Évora (Portugal), foi o encargado de ofrecer a lección maxistral `Manexando cultivos con imaxes satelitais´, durante a que explicou os usos destas innovadoras ferramentas e os beneficios que permiten para reducir custos e riscos nas diferentes producións agrícolas.
Seguindo as bases do concurso, os membros do xurado prestaron especial atención a aquelas candidaturas que xerasen postos de traballo de calidade no rural, puxesen en valor os produtos da terra, recuperasen subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e buscasen innovar en produtos e métodos produtivos. O vencedor foi elixido por unanimidade por cumprir con todos estes requisitos, pola longa traxectoria na formación de homes e mulleres que participaron cos seus coñecementos na mellora do mundo rural e polos proxectos de investigación que desenvolven nese mesmo sentido.
O presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, destacou do premiado o seu especial valor na provincia de Lugo, un territorio no que os sectores agrícola, gandeiro e forestal xogan un papel transcendental en toda a economía.
A EPSE, A PREMIADA DESTA EDICIÓN
Trala entrega da placa conmemorativa, o director da EPSE de Lugo, Tomás Cuesta, lembrouse dos inicios e de todo o persoal que traballa e traballou nesta escola –docentes e investigadores, persoal de administración, estudantes e titulados– e adiantou os principais obxectivos polos que apostarán no futuro, entre os que subliñou: “empregar todos os seus recursos dun xeito eficaz e responsable para dar resposta ás necesidades da sociedade e colaborar no desenvolvemento da mesma mediante a formación de técnicos competentes, a través da colaboración coas empresas na creación e transferencia de coñecemento, a participación na formación continua dos axentes sociais e a colaboración con aqueles colectivos que fan posible o desenvolvemento do noso medio rural”.
Este recoñecemento chega xustamente no ano en que a Politécnica de Lugo cumpre o seu 50 aniversario e no que tamén foi recoñecida entre as mellores universidades españolas no ranking da Fundación BBVA, no ámbito da enxeñería agronómica e forestal. Grazas ao Premio Aresa foi dotada con 10.000 euros.
UN TOTAL DE 14 CANDIDATURAS
A decisión final da edición de 2017 do Premio Aresa tivo que ser tomada entre un grupo de 14 candidaturas ben dispares e de gran calidade, entre as que se atopaban empresas de recente creación, como Kalekói, Vinagres do Ribeiro ou Hortícolas Javier Miranda; empresas xa consolidadas, como Adega Algueira e Finca Villadangos; consellos reguladores, como o Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia ou o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega); asociacións, o Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel); dous traballos de I+D+i, un deles presentado por Nelson Pérez Guerra e José Manuel Domínguez González, profesores do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Facultade de Ciencias de Ourense (UVigo), e titulado Optimización do proceso de fermentación de mostos de uvas de mesa brancas e tintas con gránulos de kéfir para a produción de bebidas funcionais e outro, Elaboración de aceites monovarietais de sementes de vide, procedentes de residuos vitivinícolas industriais das variedades brancas de albariño, caíño branco e loureira, proposto polo Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC); a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo e unha última candidatura que solicitou o anonimato da súa participación.