As Africores e Fefriga acordan iniciar un proceso de fusión

As Africores e Fefriga acordan iniciar un proceso de fusión

O pasado 1 de febreiro reuníronse na sede da Federación Frisona Galega (Fefriga), en Santiago de Compostela, as xuntas directivas de Africor Coruña, Africor Lugo, Africor Ourense e Africor Pontevedra. No transcurso da xuntanza, de carácter informativo, acordaron iniciar un proceso de fusión das catro Africores e mais de Fefriga.

“A idea é empezar a falar do tema e ir dando algún paso –declara o presidente de Africor Lugo e de Fefriga, José Carlos Vega–. Esta decisión é algo do que se vén falando desde hai moito tempo entre as directivas e agora toca deseñar un calendario e unha folla de ruta para seguir adiante”.

Non obstante, para que o proceso continúe é necesaria a aprobación da fusión por parte dos socios de cada Africor, que serán debidamente informados e que logo terán a última palabra mediante votación en Asemblea.

O propósito da fusión é mellorar a operatividade das súas funcións e optimizar os recursos. “As tarefas de control leiteiro e do libro xenealóxico están agora repartidas entre cinco entidades e o noso obxectivo é que todo iso se faga de forma conxunta, mediante unha única asociación, pero sen que isto reverta negativamente nos servizos que lles prestamos aos socios” apunta Vega. Na toma desta decisión tamén influíu a notable redución do número de ganderías na comunidade e, consecuentemente, dos socios de cada Africor, o que fai cada vez máis difícil o mantemento de “cinco entidades coas mesmas funcións”, conclúe.