Medio Rural publicará este xoves a convocatoria da nova liña de achegas para a compra de equipamentos eficientes e de agricultura de precisión

Medio Rural publicará este xoves a convocatoria da nova liña de achegas para a compra de equipamentos eficientes e de agricultura de precisión

A Consellería do Medio Rural publicará este xoves, 21 de maio, a convocatoria para a compra de equipamentos eficientes e de agricultura de precisión, dotada cun orzamento de 8,6 millóns de euros, co obxectivo de apoiar os gandeiros e agricultores galegos diante do aumento dos custes de produción pola guerra en Oriente Medio. Así o trasladou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha visita ás instalacións de Maxideza en Lugo, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Explicou que a través desta partida orzamentaria procúrase favorecer a modernización dos equipos das explotacións, fomentando nelas o uso de tecnoloxías que permitan unha utilización máis eficiente dos recursos naturais nos procesos produtivos. Neste sentido, destacou as novas instalacións que Maxideza abriu en Lugo, situándoa como un dos concesionarios de maquinaria agrícola máis importantes de Galicia, o cal conta con presenza en varias provincias.

A maiores, afirmou que estas achegas promoven a incorporación de equipamento máis eficiente, como os robots, os carros mesturadores que analizan os compoñentes das racións de comida ou as máquinas de aplicación eficiente de fertilizantes e fitosanitarios. Tamén se impulsa a adquisición de equipamentos para agricultura de precisión.

A conselleira explicou que poden beneficiarse desta liña de apoio os titulares de explotacións, pero tamén por aquelas persoas que se establezan por primeira vez no agro e conten cun plan empresarial que inclúa actuacións ambientais, poñendo o foco no impulso da remuda xeracional no sector.

O importe da axuda será, como mínimo, do 40 % dos custos elixibles. Esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 75 % en función dos requisitos que cumpra a persoa solicitante, como poden ser o caso dos investimentos en explotacións de agricultura ecolóxica, en zonas con limitacións naturais ou se se trata dunha persoa moza recentemente incorporada, entre outros. Neste sentido, o investimento mínimo elixible será de 12.500 euros, mentres que o máximo ascende a 100.000 euros.