O conselleiro do Medio Rural, José González, presentou esta mañá no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias, en Ribadeo, o novo ciclo medio de Formación Profesional de Agroecoloxía.
González sinalou que esta nova oferta formativa, de 2.000 horas lectivas, impartirase desde o próximo curso neste centro de Ribadeo, en modalidade ordinaria e durante dous anos. Ademais, tamén se ofertará no centro de Sergude, no concello de Boqueixón, en oferta modular polo réxime de persoas adultas e que chegará a tres anos, a petición do propio sector. Este último caso vai enfocado a persoas que xa están integradas no mundo laboral, de tal forma que se lles facilita o acceso a este título completo ou, simplemente a parte das materias (módulos), co que disporán de diplomas acreditativos habilitantes.
En canto á saída laboral, o titular de Medio Rural explicou que este ciclo permitiralles, ás persoas que o cursen, incrementar as súas posibilidades de emprego traballando en todos os ámbitos da produción ecolóxica. Os estudantes poderán desempeñar ocupacións en ecolóxico como agricultor, criador de gando, avicultor e apicultor, produtor de leite e ovos, viveirista, entre outros.
OFERTA FORMATIVA NO SECTOR
Ademais, en colaboración co Craega, vanse celebrar varias xornadas informativas para dar traslado a todos aqueles interesados e a profesionais da agricultura ecolóxica do contido dos diferentes cursos, así como as saídas laborais que poidan ter.
Durante a súa intervención, o conselleiro fixo balance dos alumnos que cursaron ciclos formativos de grao medio e superior de Medio Rural, en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, un total de 1.220, e remarcou que, en materia agrícola e gandeira, o grao máis demandado foi o de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, impartido en Sergude (Boqueixón), Becerreá e Lourizán, con 318 alumnos inscritos nesta última década.
Por detrás deste, o ciclo superior de Xestión Forestal e do Medio Natural (centros de Becerreá e Lourizán), é o máis demandado, con 313 estudantes inscritos neste período.
A oferta formativa da que falou complétase cos ciclos superiores de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal e de Paisaxismo e Medio Natural e cos ciclos medios de Xardinaría e Floraría, co de Produción Agropecuaria, e co de Aceite de Oliva e Viños.