A investigación do traballo gañador, premiado con 18.000 euros, supón unha importante contribución na loita contra a paratuberculose bovina, unha enfermidade que provoca grandes perdas no sector gandeiro. O estudo aborda o seu control mediante estratexias de detección temperá e a selección xenética de animais con marcadores de resistencia.
O primeiro accésit foi concedido a Judith Guitart, da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), pola súa tese Integrating multi-omics to monitor gut microbiome and resistome dynamics in weaned piglets [‘Integración de enfoques multiómicos para monitorizar a dinámica do microbioma intestinal e do resistoma en leitóns destetados`], sobre a análise dos distintos tratamentos empregados para controlar as diarreas posdesteta en leitóns. Nela avalíase o seu efecto tanto sobre a resolución da enfermidade coma sobre a microbiota intestinal e o perfil de resistencias a antibióticos, a través de tecnoloxías avanzadas como a xenómica e a transcriptómica.
O segundo accésit recaeu en Enrique Riera, tamén da UAB, cuxo estudo A gill-ty parasite: Biological aspects of the ectoparasitic flatworm Sparicotyle chrysophrii and its interactions with gilthead seabream [‘Un parasito ata as branquias: aspectos biolóxicos do platelminto ectoparásito Sparicotyle chrysophrii e as súas interaccións coa dourada`], céntrase nun parasito que causa importantes perdas económicas na produción de douradas. O seu traballo aborda a resposta do peixe fronte á infección e sinala posibles dianas terapéuticas para o desenvolvemento de tratamentos ou vacinas. Ambos os accésits estiveron dotados con 3.500 euros.
Unha xornada marcada pola investigación, o talento novo e a saúde animal
A cerimonia de entrega do Premio Syva tivo lugar en León o pasado 7 de maio e estivo centrada na ciencia, o intercambio de coñecemento e o recoñecemento ao traballo de novos investigadores comprometidos co futuro da sanidade animal. Investigadores, representantes do ámbito académico, membros do xurado internacional, directores de tese, colaboradores de Syva e familiares dos galardoados compartiron un encontro que, co paso dos anos, se consolidou coma un punto de unión entre universidade, investigación e industria veterinarias.
A xornada comezou cunha visita ás instalacións de produción de Syva, onde os convidados puideron coñecer de preto a actividade da compañía e o seu compromiso histórico coa investigación e desenvolvemento en sanidade animal.
Posteriormente, Javier Sanz, director de Marketing de Syva, e a doutora María Luisa de Arriba, secretaria do tribunal, déronlles a benvida aos asistentes. Na súa intervención, Sanz lembrou a importancia de apoiar as novas xeracións de investigadores nun contexto no que os retos sanitarios, medioambientais e alimentarios están cada vez máis interconectados: “Sen ciencia non hai prevención eficaz. Sen investigación non hai novas ferramentas e non hai progreso real”.
Nesta edición recibíronse 31 teses doutorais procedentes de 15 universidades de 7 países diferentes. A secretaria do tribunal salientou a elevada calidade dos traballos presentados e a dificultade que supuxo realizar a selección final. O xurado, formado por académicos e investigadores de recoñecido prestixio na área da saúde animal, avaliou as candidaturas baixo criterios de rigor científico, innovación e aplicabilidade práctica, o que garante a calidade do premio e a súa consolidación a nivel internacional.
Tras a entrega de premios, os tres galardoados presentaron os seus traballos e compartiron co público a súa experiencia persoal durante o doutoramento, os desafíos afrontados ao longo da investigación e as perspectivas que abren os seus resultados. Estas intervencións permitiron poñer en valor non só a excelencia científica das teses premiadas, senón tamén o compromiso, a paixón e a perseveranza que esixe a investigación en sanidade animal.
Na clausura do acto, Santiago Gutiérrez, vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade de León (ULE), insistiu no papel fundamental da investigación científica como motor de progreso para a sociedade e na importancia estratéxica do concepto One Health. Tamén lles dirixiu unhas palabras aos novos investigadores presentes na sala: “Os novos investigadores de hoxe van estar aí dentro de 10 ou 15 anos liderando o cambio a través do coñecemento”.
Nesta edición, o tribunal destacou o alto nivel científico dos estudos presentados, así como a relevancia das investigacións para a saúde animal e o seu impacto na saúde pública. Así mesmo, subliñou a crecente participación internacional, reflexo do interese global que esperta este recoñecemento científico.
Con case tres décadas de traxectoria, o Premio Syva, organizado en colaboración coa Universidade de León, recoñece desde 1998 a mellor tese doutoral en sanidade animal e busca impulsar o talento novo, a innovación científica e a transferencia de coñecemento cara ao sector veterinario e á industria.