EDITORIAL

Preparados para o futuro

Preparados para o futuro
Ante un contexto cada vez máis esixente para o sector, a diferenza séguena a marcar o coñecemento, a formación e a capacidade de aplicar solucións técnicas no día a día das granxas. A investigación ten hoxe un papel decisivo na mellora de aspectos como a saúde animal, a eficiencia produtiva, a calidade do leite e a sostibilidade das ganderías. Tamén no xeito en que o sector se conecta, comparte avances e medra a través de redes profesionais que cruzan fronteiras.

Nestas liñas queremos poñer o foco nesa dimensión técnica e humana. A colaboración entre profesionais de distintos países evidencia o valor da preparación e do intercambio de coñecemento. Moitos perfís formados aquí son hoxe referentes ao outro lado do Atlántico, en centros como a Universidade de Davis, en áreas como a reprodución, a nutrición, a calidade do leite, a xestión de datos ou a medicina de produción. Ese recoñecemento internacional fala ben do nivel técnico acadado e tamén do valor de seguir apostando pola formación continua.

Esa profesionalización vese tamén dentro das propias explotacións. Cada vez atopamos máis granxas familiares nas que as novas xeracións se incorporan cunha visión moi clara: medir, analizar, mellorar e coidar cada detalle. Mozos e mozas con estudos veterinarios ou agrarios, con interese pola xenética, o manexo, os concursos, o benestar animal e a xestión de equipos. Persoas que medran en negocios con historia e que, apoiadas polos que as preceden, achegan novas maneiras de organizar o traballo, de tomar decisións e de mirar cara ao futuro.

A remuda xeracional que necesita o sector constrúese desde aí: con continuidade, preparación, ganas de aprender e ambición por mellorar. As ganderías que avanzan son aquelas que invisten en instalacións, en xenética, en benestar, en calidade de vida para os traballadores e en modelos de xestión pensados para seren máis eficientes e sostibles. Coidar o equipo humano, facilitar mellores condicións e estabilizar os cadros de persoal forma xa parte da competitividade dunha granxa moderna.

As páxinas desta edición reflicten ben esa diversidade de retos. Conversamos con Jaime Magdalena sobre I+D aplicada aos procesos lácteos; con David García Torres sobre a experiencia de vivir a chegada da dermatose nodular contaxiosa nunha das granxas que asesora y co equipo do IES de Arzúa sobre a súa aposta por conectar o alumnado coas necesidades reais do sector primario, especialmente a través das prácticas en ganderías e empresas da zona. Tamén enunciamos as temáticas da xornada técnica de Africor Pontevedra e recollemos a actividade de concursos e poxas, espazos que seguen mostrando o interese dos profesionais do vacún pola mellora xenética e a evolución da raza frisona.

No apartado técnico, a mamite ocupa un lugar destacado, con contidos sobre preparación do ubre, bioseguridade interna, xestión de datos, posbióticos e feromona bovina apazugante. O estrés por calor centra outro dos grandes bloques, con especial atención ao período seco, ao periparto, á inflamación, á inmunocompetencia e ao impacto silencioso sobre a calidade do leite. Completan esta área artigos sobre saúde podal, alimentación, agricultura, recría e saúde animal.

Saber transformar o coñecemento en decisións concretas dentro da granxa é unha garantía de estabilidade e progreso. Se esta cabeceira contribúe, aínda que sexa de forma modesta, a facelo posible, sentirémonos máis que satisfeitos co traballo realizado.