A Confederación de Asociacións de Frisona Española (CONAFE) decidiu cancelar a edición de 2026 do Concurso Nacional da Raza Frisona, prevista para o vindeiro mes de setembro, debido ás medidas restritivas implantadas en Asturias fronte á Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC).
A decisión foi adoptada pola Xunta de Goberno de CONAFE na súa reunión do 17 de xuño, tras analizar a situación sanitaria e as limitacións establecidas polo Principado de Asturias para a concentración de animais no seu territorio. Estas medidas, vixentes ata o 31 de xullo de 2026, buscan evitar a propagación da enfermidade e afectan directamente á organización de certames gandeiros.
Aínda que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sinalou unha evolución favorable da situación epidemiolóxica en España, tamén advirte de que a chegada do verán incrementa a actividade vectorial. Por iso, insiste na necesidade de cumprir estritamente a normativa sanitaria e extremar as medidas de bioseguridade tanto nas explotacións de gando vacún como no transporte de animais.
A Dermatose Nodular Contaxiosa é unha enfermidade vírica que afecta exclusivamente o gando bovino e transmítese principalmente a través de mosquitos. Foi detectada por primeira vez en España en outubro de 2025 e, desde entón, aplicáronse medidas de prevención e control no territorio nacional e noutros países da Unión Europea.
CONAFE considera que, ante as actuais restricións ao transporte e concentración de animais, a opción máis prudente é actuar con responsabilidade para evitar posibles contaxios. A cancelación supón adiar a cita anual máis esperada polos criadores de vacún frisón.
A organización confía en que a situación sanitaria e económica permita retomar o certame en 2027. En 2025, o Concurso Nacional celebrou a súa 45ª edición no Recinto Feiral de Asturias “Luis Adaro”, en Xixón, con 60 ganderías participantes e 208 animais.