Última hora: a gandería volve ser estratéxica para Europa

Última hora: a gandería volve ser estratéxica para Europa
A Comisión Europea presentou unha estratexia específica para o sector gandeiro na que recoñece o seu papel na seguridade alimentaria, na economía rural e na autonomía estratéxica da Unión Europea. Pero isto non é un cheque en branco: Bruxelas acompaña ese recoñecemento de esixencias en sostibilidade, benestar animal, sanidade, innovación e competitividade. Máis en Vaca Pinta 61.

A gandería volve aparecer en Bruxelas como algo máis que un problema que xestionar. A nova Estratexia da UE para este sector non sae da nada. Chega despois de varios anos nos que o debate comunitario sobre a produción animal estivo moito máis marcado polas emisións, o benestar animal, a presión ambiental, os cambios na dieta e a redución da carga gandeira que pola seguridade alimentaria ou a viabilidade económica das granxas. Tamén chega tras un ciclo de protestas agrarias que obrigou a revisar o ton e a falar máis de rendibilidade, competencia exterior e futuro do campo.

Nese contexto, a Comisión Europea presentou o pasado 7 de xullo unha comunicación específica para a produción animal dentro da súa nova visión para a agricultura e a alimentación. A noticia non é que esta actividade sexa estratéxica, iso sábeno ben aqueles que producen alimentos, sosteñen territorio e manteñen viva boa parte da economía rural, senón que desde as altas esferas volven poñelo por escrito despois dunha etapa na que o sector foi, demasiadas veces, máis sinalado que escoitado.

O documento non supón unha carta branca nin elimina as esixencias ambientais, sanitarias ou de benestar animal. De feito, mantenas e ordénaas. O que cambia é o marco: vén recoñecer que sen gandería non hai un sistema alimentario europeo completo, nin autonomía proteica, nin xestión equilibrada de moitos territorios, nin futuro para comarcas onde precisamente non sobran as alternativas. A partir de aí, ábrese unha axenda ampla que convén analizar por partes.

1. Un sector estratéxico, tamén en cifras

O texto parte dunha afirmación clara: a gandería é unha actividade económica, social e territorial de primeira orde. Segundo o documento, representa arredor do 40 % do valor engadido agrario da UE, xera 400.000 millóns de euros anuais de facturación, emprega uns 7 millóns de persoas e apóiase en 4 millóns de explotacións repartidas por toda a xeografía europea.

A Comisión insiste, ademais, en que a produción animal non ten o mesmo papel en todas as partes, pero si resulta especialmente importante en territorios con poucas alternativas produtivas: zonas de montaña, áreas do norte, devesas do sur, rexións ultraperiféricas, illas mediterráneas ou comarcas rurais ameazadas polo abandono. Deste xeito, vincula o mantemento da actividade gandeira coa permanencia da poboación, o dinamismo da economía rural e a capacidade da UE para producir alimentos en contextos de crise.


A nova Estratexia da UE chega tras un ciclo de protestas agrarias que obrigou a revisar o ton e a falar máis de rendibilidade, competencia exterior e futuro do campo

2. Estar preparados antes de que chegue a próxima crise

Un dos grandes bloques desta folla de ruta é a resiliencia. Non se trata só de recuperarse despois dunha crise, senón de anticiparse, reducir vulnerabilidades e garantir que o sector poida seguir producindo alimentos seguros, sustentables e accesibles en condicións cada vez máis difíciles.

Nese apartado aparecen riscos moi coñecidos para as explotacións: volatilidade dos mercados, subida dos custos da enerxía e dos pensos, cambio climático, escaseza de auga, enfermidades animais, falta de man de obra, tensións xeopolíticas e competencia internacional. A Comisión propón reforzar ferramentas de xestión de riscos, como seguros, fondos mutualistas e instrumentos de estabilización de ingresos. Tamén abre a porta a explorar, xunto con institucións financeiras como o Banco Europeo de Investimentos, un esquema financeiro específico para a gandería no marco orzamentario posterior a 2027.

3. Bioseguridade, vacinas e veterinarios rurais

A sanidade animal ocupa un espazo relevante. Bruxelas considera que as enfermidades animais, incluídas as zoonoses, son unha das ameazas máis graves para a resiliencia do sector, polo seu impacto económico, social e comercial.

O documento fala de reforzar a bioseguridade, mellorar a vixilancia, impulsar a detección temperá e revisar o enfoque da UE sobre a vacinación preventiva cando proceda. Ademais, apunta á necesidade de fortalecer os servizos veterinarios rurais, mesmo mediante incentivos que axuden a garantir persoal suficiente nas zonas con máis dificultades, e menciona a necesidade de actualizar normas, aclarar responsabilidades e apoiarse no asesoramento científico da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e nos estándares internacionais da Organización Mundial de Sanidade Animal.

4. Competitividade, investimento e non descapitalización

A CE admite que o sector necesita un marco máis previsible para investir. Advirte dunha tendencia á descapitalización e sinala que a rendibilidade debe mellorar se a cadea gandeira europea quere seguir sendo competitiva e atraer novos profesionais.

Estímase unha fenda de financiamento superior aos 18.000 millóns de euros para este sector. Entre as necesidades que identifica figuran infraestruturas modernas, maquinaria, sistemas de xestión de estercos, dixitalización, adaptación a novas normas de benestar animal e ferramentas que permitan producir de forma máis eficiente.

Bruxelas non propón que todo saia dunha única fonte. Fala dunha combinación de apoio público, instrumentos financeiros, investimento privado, mellor remuneración de mercado, asesoramento, alfabetización financeira e modelos de negocio vinculados á bioeconomía circular.


Bruxelas recoñece o papel económico, alimentario e territorial da gandería, pero vincúlao á sostibilidade, ao benestar animal, á sanidade, á innovación, á circularidade, á competitividade e á adaptación ao mercado

5. Comercio exterior e reciprocidade

Outro tema sensible é a competencia global. Deféndese que a gandería europea mantén estándares elevados en seguridade alimentaria, sanidade animal, benestar e medio ambiente, pero recoñécese que eses requisitos teñen custos que non sempre se reflicten no prezo.

Por iso, o texto fala dunha maior reciprocidade e dun aliñamento óptimo dos estándares de produción a escala internacional. Tamén ten en conta o reforzo dos controis sobre produtos importados, o uso de cláusulas de salvagarda, as misións agroalimentarias de alto nivel e a promoción exterior dos produtos europeos.

A idea de fondo é coñecida no sector: competir si, pero non con regras asimétricas. Aínda que non cita expresamente Mercosur, o acordo será unha das probas prácticas deste enfoque: a reciprocidade que Bruxelas defende sobre o papel deberá medirse en controis efectivos, cláusulas de salvagarda e condicións de competencia realmente equilibradas.

6. A axenda verde mantense

A estratexia non supón un abandono da axenda ambiental. Ao contrario, insístese en que a gandería debe reducir a súa pegada climática e ambiental. O documento menciona emisións de gases de efecto invernadoiro, amoníaco, contaminación por nutrientes, presión sobre a auga e os solos, biodiversidade, xestión de estercos, fertilizantes orgánicos, biogás e biometano.

Iso si, introduce un matiz importante, polo menos na forma: a transición debe ser “xusta e equilibrada”. Recoñece que algunhas melloras poden implicar maiores custos de produción, menor densidade gandeira ou investimentos difíciles de asumir polo produtor se non se reparten mellor na cadea ou non se compensan no mercado.

Nesta liña, abre a porta a traballar nunha metodoloxía harmonizada para medir as emisións gandeiras a nivel de explotación, con ferramentas que reflictan de maneira máis fiel as prácticas reais de manexo e os avances obtidos na granxa.

7. Revisión normativa e enfoque práctico en canto ao benestar animal

O benestar animal aparece como unha das grandes demandas sociais ás que o sector debe responder. A Comisión vincula o benestar animal coa saúde dos animais, coa confianza do consumidor e co acceso a mercados de maior valor.

O enfoque é dobre: avanzar en benestar animal, pero procurando que as melloras sexan medibles, aplicables e economicamente sostibles. Trátase de que eses avances poidan traducirse en valor para o produtor, xa sexa por un menor risco sanitario, unha maior produtividade, o acceso a mercados diferenciados ou o recoñecemento por parte do consumidor.

8. Dixitalización e innovación na granxa

A proposta inclúe un bloque claro sobre innovación. Enumera sensores, big data, robótica, sistemas de alerta temperá, ferramentas de apoio á decisión, gandería de precisión, mellora xenética, ventilación, adaptación climática e infraestruturas máis resilientes.

O obxectivo é que a innovación non quede en proxectos piloto, senón que chegue ás granxas. Proponse aliñar mellor a investigación coas necesidades reais dos gandeiros e acelerar a aplicación práctica de solucións que reforcen a competitividade, a sustentabilidade e a capacidade de adaptación ao cambio climático.

9. Maior autonomía en proteínas, pensos e insumos

A Comisión quere que o sistema europeo sexa máis resiliente e sostible, reducindo a dependencia de insumos importados e aproveitando mellor os recursos internos e circulares.

Cítanse cultivos proteicos producidos na UE, pastos, coprodutos, recursos rexionais de alimentación animal e bioeconomía circular. Para sectores coma o vacún, este enfoque conecta directamente cunha cuestión de fondo: a capacidade de Europa para soster sistemas produtivos menos vulnerables ás crises internacionais de materias primas.

10. Loita contra o abandono do medio rural

Un dos apartados máis relevantes para o medio rural é o dedicado á diversidade territorial. A comunicación asume que en moitas zonas a produción animal é a principal, ou mesmo a única, oportunidade económica. En áreas de montaña, pastos, territorios marxinais ou comarcas con limitacións naturais, o pastoreo axuda a manter paisaxes, controlar a matogueira, reducir o risco de incendios e conservar hábitats.

O documento cita estimacións do Centro Común de Investigación segundo as cales arredor do 11 % da superficie agraria da UE podería abandonarse en 2030. Fronte a ese risco, o Executivo comunitario propón plans específicos para rexións rurais vulnerables, apoio aos agricultores novos, cadeas de valor locais e recuperación da produción gandeira alí onde teña sentido ambiental, social e económico.

11. Matadoiros rurais e cadeas locais

Tamén se aborda un asunto moi concreto: a necesidade de soster cadeas locais, desde a explotación ata o consumidor. Nese marco, menciona a importancia dos matadoiros rurais, incluídos pequenos matadoiros ou unidades móbiles, para apoiar territorios remotos, mellorar a viabilidade das producións locais e reducir colos de botella loxísticos.

Non é un asunto menor. Sen infraestruturas próximas, moitas explotacións extensivas ou situadas en zonas afastadas quedan atrapadas entre o discurso da produción local e a imposibilidade práctica de pechar a cadea no seu propio territorio.

12. “Excelencia europea”: que o mercado recoñeza o que esixe

O último gran bloque é a valorización da produción europea. A Comisión fala de “excelencia” non coma un nicho exclusivo, senón coma unha vía para diferenciar un modelo baseado na calidade, na sostibilidade, na responsabilidade, nas boas prácticas e no benestar animal.

Para iso, propón promover o recoñecemento no mercado, reforzar a información ao consumidor, avanzar nunha etiquetaxe máis clara e facer visible o que distingue a produción gandeira europea fronte a modelos baseados unicamente no menor custo.

E isto… como se sostén?

Os estándares só son sostibles se alguén os paga. Pode facelo o mercado, pode facelo a política pública ou pode facelo a cadea de valor. O que non encaixa é seguir pedíndolle máis ao produtor mentres se lle remunera como se producir hoxe custase o mesmo que hai dez anos, ou como se as novas esixencias non tivesen impacto nos investimentos, no traballo e na xestión diaria.

A nova estratexia europea marca, sobre todo, un cambio de ton. Parece que a intención é que a gandería volva aparecer como un sector estratéxico para a UE, non só como fonte de emisións ou como actividade baixo sospeita permanente. Agora ben, non é unha volta ao pasado nin unha carta branca. Bruxelas identifica o seu papel económico, alimentario e territorial, pero vincúlao á sostibilidade, ao benestar animal, á sanidade, á innovación, á circularidade, á competitividade e á adaptación ao mercado.

Dito todo o cal, cómpre lembrar que isto non é un regulamento nin cambia por si só as regras do xogo: é unha comunicación estratéxica. O seu alcance real dependerá do que veña despois: a PAC posterior a 2027, os instrumentos financeiros, as normas de benestar animal, as políticas de sanidade, a xestión das emisións, o plan de proteínas, a reciprocidade comercial e a capacidade de trasladarlle valor ao gandeiro.