GANADERÍA LOS MIAJONES. AÑORA (CÓRDOBA)

Un modelo de constancia e xenética nos Pedroches

Cun rabaño de 350 animais e unha clara vocación polos concursos morfolóxicos, esta gandería consolida o seu crecemento coa incorporación da cuarta xeración familiar, a ampliación das súas instalacións e unha firme estratexia centrada na mellora xenética. Tras alzarse co premio de vaca gran campiona na última edición do concurso Usías Holsteins, viaxamos a Córdoba para coñecelos de preto. Máis en Vaca Pinta 53.

Localización: Añora (Córdoba)

Propietarias: Ana María García e María Teresa García

N.º total de animais: 350

Vacas en muxidura: 180

Media de produción: 38,5 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 4,15 %

Porcentaxe de proteína: 3,40 %

RCS: 120.000 cél./ml

Venda do leite: Covap

Prezo do leite: 0,53 €/l

A escasos dous quilómetros de Pozoblanco, álzase Ganadería Los Miajones, unha granxa dedicada á produción de leite que teceu a súa historia entre xeracións, muxidos, concursos morfolóxicos e un amor xenuíno pola raza frisona. Situada no termo municipal de Añora, é o resultado de máis de seis décadas de traballo familiar, evolución técnica e unha gran vocación polas vacas.

As irmás Ana María e María Teresa García Sánchez recolleron o legado dos seus pais e avós e proxéctano hoxe cara ao futuro grazas aos seus fillos e sobriños —Tomás, María José, Carlos Javier e David—, xa plenamente integrados na xestión diaria da gandería. Ambas representan o terceiro elo dunha cadea familiar que comezou cun pequeno rabaño de vacas muxidas a man e leite vendido polas rúas da vila.

Na actualidade, aquela humilde iniciativa medrou ata converterse nunha explotación de máis de 350 animais, con entre 180 e 190 vacas en muxido diario, distribuídas nunhas modernas instalacións que suman máis de 9.000 metros cadrados cubertos, e cun equipo de traballo consolidado, incluíndo un operario recentemente contratado fóra do núcleo familiar.


Tomás Cerezo: “Os nosos fillos pequenos xa empezan tamén a amosar interese. Si hai futuro”

UNHA VOCACIÓN QUE SE HERDA

A paixón polas vacas non se improvisa; ás veces, como no caso desta familia, xorde desde a infancia. A transición entre xeracións fíxose con naturalidade, transmitindo coñecementos e valores. Tras o falecemento dos pais de Ana María e María Teresa, a granxa pasou para elas e os seus maridos, que asumiron as rendas durante moitos anos. Agora, Ganadería Los Miajones está en mans da cuarta xeración, formada por catro curmáns que decidiron manter viva a tradición familiar.

Un deles é Tomás Cerezo, fillo de Ana María, que medrou entre o colexio e os currais: “Desde pequeno sempre me gustou isto. Meus pais e meu tío xa estaban aquí traballando, e, cando saía da escola, viña directamente á granxa”, lembra.

Aínda que durante un tempo compatibilizou o seu traballo na Cooperativa del Valle de Los Pedroches (Covap) coas tarefas da granxa, o seu amor polos animais acabou impoñéndose. “De sempre me gustaron os animais, e co paso dos anos decidín deixar o meu traballo externo e vir aquí de cheo”, explica Tomás. Esa decisión marcou un punto de inflexión que na actualidade lle permite dedicarse por completo á gandería: “A día de hoxe todos os que estamos aquí vivimos só para isto, para as vacas.”

Con esa remuda xeracional, a explotación non só asegura continuidade, senón que proxecta futuro. “Os nosos fillos pequenos xa empezan tamén a amosar interese. Si hai futuro”, recoñece Tomás emocionado.


  T.C.: “Este ano tivemos a sorte de alzarnos co premio de vaca gran campiona do Usías Holsteins. Sentimos moita satisfacción”

 

CONCURSOS: PAIXÓN E APRENDIZAXE

Un dos aspectos máis singulares da granxa é a súa vinculación cos concursos morfolóxicos. O que comezou como unha participación tímida e sen moitos premios evolucionou nunha verdadeira afección. “Ao principio iamos e non conseguiamos nada”, explica Tomás, “pero o meu curmán David comezou a implicarse máis, aprendeu sobre o pelado e a preparación dos animais e, co paso do tempo, comezamos a destacar”.

Ano tras ano, a súa participación nos concursos locais empezou a gustarlles cada vez máis e agora convertéronse nun grande aliciente para o equipo. “Gústanos moito preparar os animais con tempo, coidar o tipo, as patas, os ubres… Todo iso conta e nós intentamos levar as nosas vacas o mellor posible”, afirma o cordobés. Os animais de concurso dispoñen de currais propios e alimentación diferenciada.

A filosofía de traballo xira arredor dese amor polos animais de gran calidade morfolóxica: non se trata só de producir leite, senón de preservar e mellorar xeneticamente o rabaño. “Gústannos os animais bos e enfocámonos moito no tipo, a estrutura e a calidade dos ubres e das patas”, enumera Tomás.

Habituais no concurso de Dos Torres (Usías Holsteins), a familia tamén participou en varias edicións do Concurso Nacional e foron conseguindo distintos premios a xatas e xovencas, vacas ou grupos de animais.

Un dos maiores fitos conseguiuse este mes de marzo, cando a gandería acadou o premio da gran campiona do certame Usías Holsteins co animal Miajones MN Stoneden Ferne 822.

Participar en concursos é, como di Tomás, “unha cuestión de paixón e compañeirismo”, unha maneira de visibilizar o traballo diario, compartir experiencias e “bos momentos cos amigos” e, por que non, recoller froitos tras anos de constancia.

“Este ano tivemos a sorte de alzarnos co premio de vaca gran campiona do Usías Holsteins e sentimos moita satisfacción. Algún día chega a recompensa e foi este ano”, resume con bágoas nos ollos.

MÁIS ANIMAIS PARA NOVAS INSTALACIÓNS

O crecemento paulatino da granxa veu acompañado dunha clara aposta polas infraestruturas. A nave principal, de construción recente, alberga, cuns 9.000 m² cubertos, as vacas en produción, as acabadas de parir e o preparto. Nas instalacións máis antigas, duns 3.000 m², manteñen a recría e as xovencas preñadas.

Para a distribución dos animais seguen os consellos dos técnicos de benestar da cooperativa Covap, á que pertencen. As xatas están en cadanseus boxes dobres, “xa que nos recomendaron que é mellor que estean en parella e non soas”; cando se destetan, pasan a grupos de cinco ou seis ata que son inseminadas e, desde entón, mantéñenas en lotes de catorce ou quince animais. Seguidamente, entran no grupo de xovencas preñadas e xusto vinte días antes de parir trasládanas a unha zona de preparto.

Tras o parto, pasan ao curral de vacas primíparas e acabadas de parir, xa que as manteñen separadas dun segundo lote de vacas multíparas e xovencas con lactación avanzada.

O benestar non é só unha declaración de intencións, é unha realidade. As camas son de esterco, un sistema tradicional que lles segue funcionando. Airéanas dúas veces ao día e, no inverno, aplican un secante para o seu correcto mantemento. Os bebedoiros están distribuídos segundo a normativa, e xa teñen en mente a instalación dun equipo de ventiladores e cepillos para continuar mellorando o confort dos seus animais.

A fosa de xurro da nave nova conta cunha capacidade de case tres millóns de litros, e nas instalacións antigas teñen outra duns 500.000 litros. Ademais, están valorando opcións de aforro enerxético, como a instalación de paneis solares.

Aínda que este ano a produción baixou lixeiramente debido á incorporación de moitas xovencas primíparas, manteñen unha media de 38,5 litros por vaca e día, con aspiracións de recuperar os 40 ou 41 litros habituais en campañas anteriores. “Cremos que, cando fagan aquí o seu segundo parto, a súa produción irá en aumento”, espera.

En canto aos niveis de graxa e proteína, están logrando unhas medias do 4,15 % e 3,40 %, respectivamente. O reconto de células somáticas móvese entre as 100.000 e as 120.000 células por mililitro, o que evidencia o bo estado do rabaño. A bacterioloxía é moi baixa: “Estamos entre 7.000 e 8.000 ufc/ml, pois aquí en Valle de Los Pedroches están facendo moito fincapé nisto e estámolo controlando bastante ben”, sinala.


Manteñen unha media de 38,5 litros por vaca e día, con aspiracións de recuperar os 40 ou 41 litros de campañas anteriores

 

MUXIDO EN SALA

O muxido realízano nunha sala de saída rápida 2x12, con dúas sesións diarias ás sete da mañá e ás seis e media da tarde. “Muximos en dous lotes; primeiro, ás multíparas, que son unhas 110, e despois ás primíparas e recentemente paridas, que son unhas 80”, indica.

A rutina é meticulosa, fiel a todos os pasos de limpeza dos tetos, predipping, secado, colocación da máquina e postdipping. Aínda non traballan cun sistema informatizado, pero contemplan incorporalo no futuro. “Estamos comezando e imos pouco a pouco, pero si que implementaremos algún sistema de xestión dixital máis adiante”, asegura Tomás.

Sobre o muxido robotizado, non o descartan: “Estamos vendo opcións de robots para salas paralelas. Se sae algo que funcione, valorarémolo”.


Carlos Javier Bejarano: “Cremos que boa parte da rendibilidade do noso negocio depende da xenética”

ALIMENTACIÓN A TRAVÉS DA COVAP

A alimentación é outro dos piares importantes nesta explotación. A ración para as vacas en produción é proporcionada e distribuída diariamente pola Covap: “Tráena unha vez ao día e componse duns 44 kg por animal, coas seguintes porcentaxes de ingredientes: 32,66 % de silo de cereal, 13,76 % de silo de millo, 7,58 % de herba seca, 1 % de alfalfa, 5 % de subprodutos húmidos, 1 % de semente de algodón e 39 % de premix”.

As vacas secas e xovencas preñadas reciben unha dieta diferente, baseada en 4 quilos de penso diario e forraxe a discreción, palla ou herba seca de avea. Só as vacas secas saen ao pasto durante o seu período de descanso, entre mes e medio e dous meses.

Tamén lle prestan especial atención á recría. Desde o seu nacemento, as xatas aliméntanse con leite artificial e comezan cedo a inxerir penso e forraxe específica para a súa idade ata o parto.

Los Miajones conta cunhas corenta fanegas de terreo, das cales entre 25 e 30 se sementan cada ano, fundamentalmente con avea para forraxe, que destinan á alimentación da recría.

XENÉTICA: UN MOTOR DE PROGRESO

Unha aposta decidida de Ganadería Los Miajones é a mellora xenética. “Cremos que boa parte da rendibilidade do noso negocio depende da xenética e por iso lle damos tanta importancia”, asegura outro dos responsables da granxa, Carlos Javier Bejarano, curmán de Tomás.

Todos os animais están xenotipados, o que lles permite unha selección rigorosa baseada en datos reais. Buscan sempre o equilibrio, priorizando “patas, tipo e ausencia de defectos. Fixámonos tamén moito nas familias dos animais, por exemplo, a Lyla Z, a Apple Red ou a Hanna Vray, que teñan boas xeracións detrás”.

Aproximadamente o 80 % do seme utilizado é xenómico, complementado con touros probados que demostraron bos resultados na granxa. “Adoitamos utilizar uns dez ou doce sementais e con eles cubrimos todo o ano”, conta.

O uso de seme sexado é habitual nas xovencas e vacas novas destacadas, mentres que para vacas multíparas ou menos interesantes recórrese a seme de carne. Ademais, a implantación de embrións —sexan propios ou adquiridos— realízase unha ou dúas veces ao ano, reforzando liñas de vacas con bos resultados.

A idade media á primeira inseminación é de 14 meses, cunha media de 1 ou 1,5 inseminacións por preñez nas xovencas, e entre 3 e 4 nas vacas adultas. A detección dos celos realízase mediante colares electrónicos, con resultados moi positivos. A media de partos por vaca sitúase arredor de 3,1.


“O noso crecemento debe ser paso a paso, cos pés na terra, pero sempre mirando cara adiante”

DA MAN DA COVAP

A relación con esta cooperativa é outro dos grandes piares do modelo produtivo desta familia, igual que acontece coa gran maioría das ganderías desta comarca.

Desde os tempos en que o leite se entregaba en cántaras, Los Miajones é socia da cooperativa, que lles presta servizos de todo tipo: desde a recollida diaria do leite ata a subministración de alimentación, asesoramento técnico nas distintas áreas de xestión da granxa ou apoio en plans de mellora. “Todos os técnicos están sempre ao pé do canón e, desde o momento en que collemos o teléfono, témolos á disposición para o que faga falta”, aseguran.

Na actualidade, o prezo base do leite está nos 0,53 euros/litro, complementado con primas por calidade, desvelle e beneficios anuais da cooperativa.

MIRADA AO FUTURO

Ambos os curmáns teñen claro que toca seguir traballando e mellorando pouco a pouco.

Tras facer un grande investimento para construír as novas instalacións, que levan apenas un ano funcionando, o obxectivo agora é seguir dando pequenos pasos, sen présa pero sen pausa.

Apuntan que aínda precisan complementar todo con algúns retoques e a súa idea é rematar pouco a pouco e ir aumentando paulatinamente o número de animais para sacarlle o máximo rendemento ao investido. “O noso crecemento debe ser paso a paso, cos pés na terra, pero sempre mirando cara adiante”, din.

Valorando a situación pola que atravesa o sector lácteo, os cordobeses cren que “hoxe se vive un bo momento”.

Tomás destaca que se están a pagar bos prezos polo leite, que as condicións climáticas foron favorables e que as colleitas resultaron positivas, o que transmite “optimismo para o presente e certo impulso para o futuro, especialmente grazas á remuda xeracional con mozos con ganas de traballar”.

Con todo, Carlos achega unha visión máis cautelosa. Recoñece a estabilidade actual, pero subliña que “o sector vive nunha especie de estado de alarma permanente”, con incertezas constantes. Lembra que persisten problemas estruturais, coma a xestión de xurros, a presión de certas ideoloxías ante este tipo de sistemas produtivos e, sobre todo, a burocracia, que considera un dos maiores obstáculos.

Aínda así, ambos reflicten o compromiso de quen segue apostando polo campo e traballando día a día polo seu futuro.