DAVID GARCÍA TORRES, ASESOR VETERINARIO EN GANDERÍAS LEITEIRAS

“Eu vacinaría todo o gando bovino de España fronte á dermatose nodular”

O veterinario David García Torres seguiu de preto a chegada da dermatose nodular contaxiosa (DNC) á península ibérica en outubro de 2025. Coa cautela de non ser un especialista en enfermidades infecciosas, analiza a situación actual e as perspectivas de futuro. Ademais, nesta entrevista relátanos a súa opinión coma testemuña da nova crise que afrontan as ganderías de leite de Mallorca, tras o peche da histórica central Agama. Máis en Vaca Pinta 59.

Como recibiches a chamada do gandeiro que te puxo en alerta sobre o estado de saúde do seu rabaño? 

É unha das situacións profesionais que me quedarán para toda a vida. Foi unha chamada estraña, porque a recibín un venres pola tarde e eu non me dedico ás urxencias. Devolvinlla en canto puiden e o gandeiro comentoume o caso que estaba sufrindo na granxa: un descenso de produción duns sete litros de media por vaca e día e varios animais con febre. Ademais, informoume de que o traballador vira algunhas vacas con vultos.

Aí decatácheste do que podería estar ocorrendo?

Cos antecedentes que tiñamos en Francia, xa lle comentei a posibilidade da DNC. Tentei acougalo, díxenlle que pedise lévedos e antiinflamatorios para intentar baixar a febre. Quedamos en que pasaría polas instalacións ao día seguinte pola mañá.

Que protocolo se seguiu?

Falei cos compañeiros do Departamento de Agricultura, Gandería, Pesca e Alimentación (DARP polas súas siglas en catalán) da Generalitat e xa me advertiron da necesidade de declarar a situación, aínda que non soubésemos exactamente de que se trataba. Ao día seguinte, sábado, xa se comunicou o primeiro caso de dermatose nodular contaxiosa en España, xusto nunha granxa próxima. Chamei o gandeiro, enviamos o veterinario clínico a recoller as mostras e, posteriormente, confirmouse un caso positivo.


“Esta situación espertou a conciencia sobre a bioseguridade en Girona”

En que situación quedou a granxa?

Moi afectada. Procedeuse ao baleirado sanitario e aínda non están muxindo (abril de 2026). Colleunos nun momento de bonanza económica e, grazas aos bos prezos do leite e a que os insumos non estaban extremadamente caros, puideron dispoñer de remanente. Con respecto á Administración, asegúranme que a indemnización polos animais foi perfecta. Non obstante, por outra parte, está o lucro cesante, o que deixaron de xerar por non poder traballar estes seis meses. Ninguén veu preguntarlles se podían pagar a hipoteca e facer fronte a outros gastos.

Por que non puideron incorporar vacas antes?

Hai uns meses, cando lles autorizaron volver introducir vacas, saíu un novo caso positivo preto e quitáronlles o permiso. Outro asunto é que a Administración lles esixía un mínimo de cabezas de rabaño para volver empezar. Agora chegaron a un acordo, pero necesitan realizarlle unha PCR en orixe ao animal. Isto provoca que outros gandeiros non se arrisquen a vender, xa que, se lles sae un positivo, baleiran a súa granxa por facerlle o favor de venderlle algunha vaca. A decisión que tomaron é intentar traer animais de Francia coa PCR, pero xa vacinados.

É difícil coñecer a orixe da enfermidade?

Os veterinarios están buscando o caso cero e paréceme imposible. Hai algunha res que pode ter síntomas, pero esta enfermidade non afecta ao 100 % do rabaño. Eu tiven casos de diarreas invernais: tes o rabaño afectado unha semana e baixa moito a cantidade de leite, pero, se non hai unha eclosión moi forte do virus, pode pasar medio desapercibido no que respecta á enfermidade en si.

Non obstante, a conexión da zona con Francia é innegable...

Si. Todo o bordo dos Pireneos estaba cheo de brotes e existe movemento de bovinos dun lado e doutro. Con todo, tampouco importa agora moito de onde veu. Xa está aquí e a ver como segue a situación.

Que características presentaban as ganderías afectadas?

Tres son de leite, mentres que o resto destina a súa produción a carne e cebo. É unha zona gandeira con clima mediterráneo e que se caracteriza polas súas marismas, áreas húmidas nas que o vector pode vivir ben. Ademais, como comentamos, están en contacto directo con Francia, co paso de camións e animais correspondente. 

Como valoras as medidas de contención e a vixilancia que se adoptaron unha vez se coñeceron estes casos?

Teño menos coñecemento ca moitas das persoas que están decidindo a altos niveis o manexo desta enfermidade, pero o que teño claro é que, cando hai unha fuga, é mellor poñer un bo tapón que ir poñendo taponciños pequenos. Non depende só de Cataluña nin de España, é un problema internacional, pero eu vacinaría todo o gando bovino español.

Cres que non se xestionou de maneira correcta a situación?

En España fixémolo moi ben, pero, aínda así, ninguén nos garante que de aquí a tres semanas esteamos a falar de desgrazas; por iso eu sería máis radical. Entendo que, a nivel político, non poidamos facer o que queiramos. Existen unhas normativas e débense seguir as pautas europeas. Europa xa nos concedeu unha vacinación diferente á que estaba establecida, porque o sistema autorizado se distribuía en círculo con respecto á área afectada e aquí permitiuse despregar vacinación preventiva máis alá do núcleo inicial.

A vacinación é a única vía posible para controlar a enfermidade?

Si, pero imos ter que convivir con enfermidades que antes non nos afectaban. Os vectores están aí co clima, que é cada vez máis cálido en lugares que antes non o eran.

Que importancia ten controlar estes vectores na granxa?

Esta situación espertou a conciencia sobre a bioseguridade en Girona; por exemplo, que o camión de recollida de cadáveres non entre ata o final da nave ou que os comerciais non pasen ata a cociña. Non vas poder reducir o risco a cero, pero, se tes un millón de moscas, terás máis posibilidades de contraer a enfermidade ca se hai cen mil.

Como prevés o verán?

Non son adiviño, pero estiven recompilando información e non pinta moi ben. Danse as situacións propicias para que a enfermidade se poida propagar, xa que temos un continente ao sur da península onde a enfermidade é endémica e, ao norte, en Francia, os casos foron bastante numerosos.

O peche de países podería servir de algo?

Os vectores non saben de fronteiras. Deterás o transporte animal, pero é que ninguén vai parar o movemento dun mosquito. Son uns 50 quilómetros de distancia e, con vento a favor, segundo que insectos, son capaces de desprazarse. Ademais, non é tan doado o peche de fronteiras polos intereses que hai en xogo. Existe moito movemento, tanto de animais vivos como en canal. Se proceden dunha zona endémica está claro que hai que intentar non traelos, pero despois, onde poñemos a fronteira?


“O sector leiteiro de Mallorca está desaparecendo porque houbo poderes fáticos que así o quixeron”

Como está a situación das ganderías de Mallorca afectadas polo peche de Agama?

Envían o leite á península asumindo as persoas gandeiras o custo do transporte. Isto significa que, ao incremento do gasto de produción nas illas (arredor de 50-60 €/tonelada), teñen que sumar o traslado do leite (90 €/tonelada). Con 150 €/tonelada de sobrecusto o negocio é inviable. A Consellería do Govern Balear está implicada con grupos investidores, pero a realidade é que estes gandeiros producen sabendo que, se estivesen na península, gañarían 15 céntimos/litro máis.

Como se chegou a este desenlace?

Ao principio estaba ilusionado, porque pensei que a entrada dun gran grupo como Damm podía ordenar e darlle estabilidade ao sector en Mallorca. Non obstante, chegou un punto no que quedou claro que o seu obxectivo non era soster a produción de leite, senón saír do negocio. E fórono facendo pouco a pouco: reduciron recollidas, pecharon ganderías e puxeron obstáculos. Xestionouse con pouco tacto, porque detrás hai familias con investimentos enormes ás que se lles prometera a recollida. Mallorca tiña un modelo de gandería intensiva comparable ao da península e, con reestruturación, podía ser viable. Simplemente, desde o punto de vista empresarial non interesou.

Fuches actor nos plans de viabilidade de Damm en Mallorca. Poderías comentar algunha parte dese plan?

Polo acordo de confidencialidade non podo dar detalles, pero si a idea xeral. Cando Damm entrou, fixo un investimento importante e Agama era só unha parte pequena, non o negocio principal. Ao inicio formuláronse medidas para gañar competitividade, como obter o selo de benestar (welfare), e traballouse coas persoas gandeiras para ordenar o sector: facilitar a xubilación a quen non podía continuar e apostar polas ganderías con futuro. Ese enfoque ía na boa dirección, ata que se cambiou a orientación do negocio e se deixou de priorizar a recollida e o apoio ao gandeiro.

Existe demanda de leite en Mallorca?

Si. Non falamos de exportar grandes volumes, senón de cubrir unha parte do consumo local. O problema é que se tomou a decisión empresarial de abandonar o leite e quedar só co que interesa máis, como a marca do batido Laccao, moi popular na illa.

Cantas vacas quedan neste territorio insular?

Servindo a Agama quedaban unhas 600 e, destas, xa forzaron a xubilación dalgúns gandeiros, polo que quedarán unhas 380 vacas en lactación. O resto das ganderías entregan a un queixeiro local; poden ser unhas 400 máis.

Está en risco de desaparición a gandería de leite mallorquina?

Está a desaparecer porque houbo poderes fáticos que así o quixeron. Non só é culpa do grupo Damm, porque o sector levaba varios anos desatendido polo Govern. Non creo que haxa que ir rescatar gandeiros, pero apoiar un traballo que é viable porque a produción se vai consumir na illa non era tan complicado. Eu propuxen vías que non se seguiron.

Como che está afectando esta situación a nivel profesional e persoal?

A nivel profesional, de forma moi tanxible: nos últimos catro meses estou facturando uns 1.000 euros menos porque pecharon clientes. Iso, dentro do que cabe, compénsase con outros traballos. O duro é que ese diñeiro viña de tres ganderías ás que acompañei durante máis de 15 anos e coas que xerei unha relación persoal. Ves xente que levaba toda a vida no sector e que se viu obrigada a xubilarse sen querer, simplemente porque deixa de haber recollida. Dá moita rabia, porque levas anos traballando para profesionalizar esas ganderías, mellorar producións e reducir custos.

Mallorca é un ambiente difícil —por insularidade, prezos e loxística— e, aínda así, había ganderías viables. Estou convencido de que, se o sector tivese apoio, iría cara adiante. Eses gandeiros, se os colocásemos en calquera sitio da península, serían uns cracks, porque tiveron que ser moi resilientes.