MALILLOS SC. ANDAVÍAS (ZAMORA)

Vivir das vacas, non para as vacas

En Andavías, a tan só doce quilómetros de Zamora, Raúl Malillos construíu unha gandería á súa medida: unha granxa familiar, de tamaño medio, moi ligada á terra e apoiada na automatización para gañar calidade de vida. O seu obxectivo non foi medrar por medrar, senón traballar mellor, con bos animais, forraxes propias e unha granxa máis cómoda e eficiente. Máis en Vaca Pinta 60.

MALILLOS SC

Localización: Andavías (Zamora)

Propietarios: Raúl Malillos e seus pais, Anastasio Malillos e María Ángeles Domínguez

N.º total de animais: 110

Vacas en muxidura: 54

Media de produción: 37,5 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 4 %

Porcentaxe de proteína: 3,50 %

Venda do leite: Pascual

Prezo do leite: 0,52 €/litro + primas

Quedar na gandería familiar foi para Raúl Malillos unha decisión meditada, pero tamén profundamente sinxela. Sempre lle gustou a gandería e, aínda que nalgún momento traballou fóra para gañar algo de diñeiro, axiña tivo claro que o seu sitio estaba na casa, no negocio que levantaran os seus pais e ao que el lle quixo dar continuidade, pero tamén o seu xeito.

Malillos Sociedad Cooperativa está situada en Andavías, a uns doce quilómetros de Zamora, e, a día de hoxe, a sociedade está integrada por Raúl e polos seus pais, Anastasio e María Ángeles, de 77 e 76 anos, respectivamente. Eles continúan formando parte da cooperativa, aínda que o traballo diario recae xa por completo sobre seu fillo. É el quen leva o peso da explotación e quen foi definindo o modelo actual da granxa, unha explotación familiar, con base territorial, moi orientada á eficiencia cunha idea clara de fondo: ter unha boa gandería sen renunciar a vivir ben e cada día mellor.

Ese enfoque explica moitas das decisións que tomou nos últimos anos. A historia da granxa actual iníciase en 2002, cando a familia deixou atrás as instalacións que tiña dentro da área urbana da vila, con preto de 30 vacas, para construír unhas novas nas aforas. Aquel cambio foi moito máis ca unha mudanza, foi o inicio dunha nova etapa. “Decidín quedar e crear unha granxa nova, mellor pensada e con maiores comodidades”, resume Raúl. Dende entón, o crecemento foi progresivo, pero sen grandes saltos. Nunca quixo medrar demasiado. A súa aposta seguiu outro camiño.


“Persigo ter boa calidade de vida; por iso, decidín non medrar máis e robotizar todos os procesos posibles”

“Eu persigo ter boa calidade de vida. Por iso, decidín non medrar máis e robotizar todos os procesos posibles”, explica. Nesa frase condénsase boa parte da filosofía desta casa. Fronte a modelos que buscan aumentar vacas, producir máis litros ou ampliar as instalacións de forma continuada, en Malillos SC o obxectivo foi optimizar o que xa había, mellorar os procesos e facer unha granxa máis manexable para unha soa persoa.

Na actualidade contan con 110 animais en total, dos cales manteñen na granxa arredor de 70: 54 vacas produtoras, 12 secas e media ducia de xatas recentemente nacidas. O resto da recría atópase externalizada nun centro especializado. No momento da nosa visita, a produción media oscilaba entre os 37 e os 38 litros por vaca e día, cun 4-4,10 % de graxa, un 3,50-3,60 % de proteína e un reconto de células somáticas de entre 180.000 e 200.000 por mililitro. Son cifras que Raúl considera penalizadas este ano por unha campaña de forraxes peor da desexada, algo que nunha granxa tan apoiada na produción propia se nota de inmediato.

Con todo e, máis alá da tecnoloxía, o gandeiro zamorano resumiunos os piares do seu día a día: “Bos animais, comida feita na casa con forraxes propias e a idea constante de optimizar todos os procesos”.     


“En Afriza compartimos información, seguimos aprendendo con formacións, salimos a ver outras granxas e así tratamos de mellorar cada día”

premios familia Malillos SC

Compromiso con Afriza

Malillos SC non é unha granxa illada nin un proxecto que viva de costas ao sector. Raúl leva moitos anos implicado en Afriza, a Asociación Frisona de Zamora, de cuxa xunta forma parte dende hai entre 16 e 20 anos, aproximadamente. Esa vinculación fala dun xeito de entender a profesión que vai máis alá do seu propio negocio. “Compartimos información, seguimos aprendendo con formacións, saímos ver outras granxas e así tratamos de mellorar cada día”, recoñece Raúl.

Neste sentido, dende Afriza organizan cursos e viaxes técnicas para visitar explotacións doutras zonas e coñecer distintos manexos. Ese intercambio de ideas serviulle a Raúl para manter unha visión aberta e para situar a súa propia granxa dentro do contexto zamorano. Segundo explica, “o sector nesta zona está formado maioritariamente por explotacións familiares, moitas delas de tamaño medio, con censos que adoitan moverse entre 80 e 100 animais, aínda que tamén existan algunhas granxas grandes de 300, 400 ou mesmo preto de 1.000 vacas”. Malillos SC é un exemplo bastante representativo das ganderías de vacún de leite de Zamora, con terreo propio e unha dimensión contida.

A Asociación recoñece cada ano as mellores ganderías e animais polo traballo realizado. Así, Malillos SC leva logrados distintos premios dentro do ámbito provincial. En 2021 obtivo o terceiro premio por cualificación morfolóxica; en 2022, o quinto; en 2023, o cuarto; e en 2024 volveu ser quinta posición por cualificación morfolóxica e, ademais, sétima por produción. Na súa última media por cualificación morfolóxica acadou os 81,16 puntos.

Todos estes non son recoñecementos casuais, detrás hai unha liña de traballo sostida no tempo e unha idea bastante clara do tipo de vaca que busca. Pero, antes de chegar á xenética, imos repasar como está organizada a súa granxa e en que tipo de instalación se apoia para o seu manexo. 

Lotes e confort

A nave principal de Malillos está dividida en tres partes: unha destinada ao preparto, outra ás secas e outra ao lote de produción co robot. A maiores, contan cunha área de almacén, unha zona para maquinaria e forraxes, tres silos —un de millo e dous de forraxe— e varios boxes individuais e colectivos para os xatos. As vacas en lactación traballan con tráfico guiado mediante porta intelixente. O esquema é sinxelo e funcional: a alimentación está nunha zona, os bebedoiros noutra e o paso entre ambas obriga as vacas a atravesar o sistema de selección que decide se o animal pode ou non entrar ao robot. Se lle corresponde muxidura, a porta desvíaa cara á zona de espera; se non, segue recto, bebe auga e volve descansar. Raúl elixiu este sistema precisamente porque lle facilita moito o traballo e reduce a necesidade de ir buscar animais. Salvo casos concretos, as vacas entran soas.

No lote de produción hai 68 cubículos con cama de area, porque “é unha materia inerte, a máis cómoda para as vacas e a que menos problemas nos dá”, apunta Raúl. Recoñece que para o gandeiro resulta máis incómoda, porque castiga máis as arrobadeiras, provoca máis desgaste e complica a xestión do xurro, pero o prioritario para el é o benestar e a comodidade dos animais. Arranxa as camas todos os días e a renovación de area faise aproximadamente cada 15 ou 20.

Na zona de preparto o manexo cambia. Alí traballa con cama quente de palla, unha solución que lle resulta máis cómoda para este tipo de animais e que ofrece máis espazo e máis liberdade de movemento. O mantemento é relativamente sinxelo porque o lote está pouco cargado. Limpa e volve encamar aproximadamente unha vez por semana.

Os bebedoiros son abatibles e hixienízaos acotío, normalmente pola mañá, aproveitando o paso das arrobadeiras. Ten tres bebedoiros de tres metros, cunha dispoñibilidade que calcula ao redor dos 16 centímetros por animal.

A limpeza de corredores realízase con arrobadeiras hidráulicas que pasan dúas ou tres veces ao día e todo o esterco vai a unha fosa situada ao fondo da explotación, cunha capacidade aproximada de 1,5 millóns de litros. “Témola aberta, algo que en anos chuviosos nos complica a xestión. Aínda que Zamora non sexa unha provincia especialmente húmida, os últimos anos obrigáronnos a estar máis pendentes da auga acumulada e a adiantar ou axustar a extracción do xurro ás nosas fincas”, afirma.

A nave conta tamén con ventilación artificial e sistema de aspersores de auga, un investimento que chegou hai tres anos, tras detectar problemas de acidose a finais do verán. “Zamora é extrema, vai moito frío en inverno ou moita calor no verán, e o cambio de alimentación asociado á muxidura robotizada fixo que algunhas vacas comesen máis penso no robot e menos no presebe. Todo iso, unido á calor, pasounos factura”, resume Raúl. Desde que instalaron ventilación e auga, di que a mellora foi evidente tanto en produción como en fertilidade. Antes podían perder tres ou catro litros por vaca no verán; agora o impacto é moito menor.

O benestar complétase cun cepillo rascador instalado hai anos e que as vacas usan con frecuencia. “Ao principio mesmo facían cola para utilizalo. Hoxe —engade— xa o teñen integrado na súa rutina, pero segue a ser un deses pequenos elementos que contribúen a que os animais estean máis tranquilos”.

A todo iso súmase un investimento en enerxía que tamén axuda á estabilidade da granxa: 32 kW de placas solares e 62 kW de baterías. Instalou as placas hai uns cinco anos e as baterías chegaron hai un par. “No cómputo anual achegámonos a un 60 % de autoconsumo, aínda que dende a primavera ata setembro podemos acadar o 100 %”, calcula. Nunha granxa con robot, esa autonomía enerxética ten cada vez máis sentido.    


“Zamora é extrema, vai moito frío en inverno ou moita calor no verán, e o cambio de alimentación asociado á muxidura robotizada pasounos factura”

foto aérea Malillos SC

Anos de muxidura robotizada

Raúl viña de muxir toda a súa vida nunha sala de muxidura que empezou sendo 2x4 e logo ampliou a 2x6. Chegou a muxir alí unhas 50 vacas, sempre con dúas muxiduras ao día, porque facer tres non era unha opción realista para unha soa persoa. E, porén, o nivel produtivo do rabaño empezaba a pedir máis frecuencia.

Hai uns cinco anos comezou a pensar no cambio e pouco despois materializouno. “O nivel produtivo do rabaño era bastante para dúas muxiduras, pero eu só tres muxiduras non podía facer”, explica. A iso sumábase o problema da man de obra e, sobre todo, o desexo de gañar flexibilidade. O robot ofrecíalle as tres melloras: máis muxiduras, máis información e unha vida algo máis levadía.

Hoxe mantén unha media ao redor das tres muxiduras por vaca e día, porque, aínda que lograba unha cifra superior, tivo que limitar un pouco máis os permisos de entrada ao detectar problemas nos esfínteres de algunhas vacas por muxirse de máis.

Na súa opinión, todo foron beneficios. “As vacas están máis tranquilas, a alimentación pódese axustar mellor a cada produción e no traballo diario gañei en flexibilidade”, enumera.

O robot non chegou só. Ao tempo, incorporou un arrimador de comida, para evitar ter que volver continuamente a achegar o alimento ao presebe. Se o obxectivo era liberarse de tarefas repetitivas e gañar marxe de manobra, non tiña sentido non automatizar tamén ese punto.

A automatización e a mellora dos procesos en Malillos sempre foi unha constante, unha estratexia para facer compatible unha gandería de leite cunha vida persoal máis levadía. Incluso antes da robotización da muxidura, Raúl xa introduciu os colares de monitorización no seu rabaño para levar a cabo un control máis exhaustivo da ruminación e da actividade dos seus animais. “Axudáronme moito na detección de celos e na identificación de problemas de saúde, mais este sistema agora xa se me está a quedar obsoleto e teño previsto cambialos por pendentes, para poder consultar máis datos e poder facelo tamén dende o móbil, sen depender dunha pantalla fixa na granxa”.


“Co robot, as vacas están máis tranquilas e no traballo diario gañei en flexibilidade”


Gandeiro e agricultor

Se a gandería funciona cunha soa persoa é, en parte, pola chegada das novas tecnoloxías, pero tamén porque a alimentación descansa sobre unha base territorial moi importante. Raúl manexa unhas 220 hectáreas en total, entre as súas propias e as de alugueiro, e dedica o 80 % a forraxes. O que non consome na granxa, véndeo, normalmente a outros gandeiros da zona. Todas as terras están máis ou menos preto, pois a parcela máis afastada queda a uns cinco quilómetros, o que simplifica moito o traballo agrícola e permite manter un control directo sobre case todos os labores. El mesmo fai case todo, salvo algúns apoios en sementeira, ensilado, empacado de forraxes destinadas á venda ou, en ocasións, a aplicación de xurro.

Falamos dunha zona de secano, na que non cultiva millo porque non dispoñen de regadío. “Cómprollo todo a un gandeiro que está a uns sete quilómetros”, apunta. O resto das forraxes si saen do seu propio traballo. Este ano, por exemplo, ten sementadas unhas 40 hectáreas de cebada híbrida, 25 de veza con raigrás, unhas 60 de trigo con vezas e outras 25 de trigo, ademais de barbeitos. 

A sementeira concéntrase entre outubro e novembro, e a finais do mes de marzo comeza a pensar nos ensilados. “A miña idea nesta campaña é reservar a cebada para silo e destinar as vezas con raigrás a herba seca”, describe.

Ademais de silos de trincheira, tamén fan de vez en cando “salchichas”, que na zona chaman “chourizos”: “Facemos un ano si, un ano non, un de millo e outro de silos de primavera, para ter unha forraxe comodín cando faga falta”, prevé.

En canto ás racións, prepara unha para vacas de leite, con 8 quilos de núcleo, 18 quilos de silo de millo, 12 quilos de silo de raigrás con vezas e 6 quilos de herba seca, e outra para as secas mesturando herba seca con palla e uns 3,5 quilos por vaca e día de penso específico. “O meu obxectivo —di— é conseguir os máximos litros posibles co mellor custo”. O prezo medio da ración por vaca e día é de 11,39 euros.

As xatas reciben costro nada máis nacer: “Intento subministrarlles polo menos 6 litros ao día durante tres días e, a partir dos catro ou cinco días, xa lles empezo a dar auga e penso de iniciación”, comenta. Mantenas en casetas individuais con cama de palla os primeiros oito días e logo pasan a un box colectivo ata que saen cara ao centro de recría, normalmente entre os 20 e os 30 días, segundo cadre a recollida.

Tomou a decisión de externalizar a recría hai tres anos por dúas razóns fundamentais: falta de capacidade e necesidade de simplificar o traballo. “A zona que antes dedicaba á recría estaba saturada e resultábame difícil facer lotes ben equilibrados. No centro, creo que as xatas críanse mellor”, destaca. Alí viven ata que as inseminan e devólvenllas preñadas un par de meses antes do parto.


“O meu obxectivo é conseguir os máximos litros posibles co mellor custo”

Vacas funcionais

Da reprodución das vacas encárgase o veterinario Manuel Vicente Morales, de Oceva. Acode á granxa cada 15 días para revisar o rabaño, facer controis e realizar inseminacións ou diagnósticos. A idade ao primeiro parto sitúase nos 23,2 meses, o que implica unha media na primeira inseminación ao redor dos 13 meses. En vacas, o intervalo entre partos está en 387 días e a taxa de xestación á primeira inseminación aproxímase ao 50 %. Utilizan sincronizacións a partir dos 60 días en leite, combinadas con detección natural de celos apoiada na monitorización.

Tamén aplican secado selectivo dende hai tres ou catro anos. Só usan antibiótico nos animais que realmente o necesitan e no resto traballan con selador. Para Raúl, “xeneralizar o tratamento xa non ten sentido nin desde o punto de vista sanitario nin desde o económico”.

Para a mellora xenética, Raúl Malillos aposta exclusivamente pola raza holstein. Utiliza moito touro xenómico, pero procura introducir cada ano nos acoplamentos a algún probado. O seu criterio de selección está agora máis condicionado polo robot. “Busco vacas lonxevas, produtivas, funcionais, non demasiado grandes e, sobre todo, con ubres e tetos ben adaptados á muxidura automática”, acepta. Así, a colocación e lonxitude de tetos, especialmente os traseiros, teñen hoxe moito máis peso na selección que cando muxía en sala e continúa a ter moi en conta tamén a saúde de ubre e a produción.

Usa seme sexado na primeira inseminación dos animais que selecciona por interese xenético e produtivo, ás veces tamén na segunda, e reserva o seme convencional para repeticións. No resto emprega seme de carne, principalmente angus, porque lle resulta máis rendible e dá poucos problemas ao parto. Os cruzamentos saen da explotación con 15 ou 20 días, con destino a un cebadeiro próximo.

Por agora non está xenotipando ao seu rabaño, porque se queda con todas as xatas e non necesita tanta presión de selección, pero é unha porta que quere abrir no futuro.

Manuel Vicente Morales
Manuel Vicente Morales, asesor de reprodución en Malillos SC
“A idea non é medrar demasiado nin en número de animais nin en produción, senón intentar ter máis calidade de vida”

Cantos anos leva traballando nesta gandería e cales son as súas áreas de traballo?

Nesta gandería levamos traballando aproximadamente uns 30 anos, desde que comezou no ano 1995. Comecei co pai de Raúl, Anastasio, e co seu avó, que tiñan unha gandería tradicional de entón, cunha base dunhas 25 vacas integrada na aldea, dentro do casco urbano. Alí tiñan camas quentes, patios e unha muxidura directa.

Anastasio sempre foi un pouco inquieto e, a raíz dunhas viaxes que fixemos a Asturias, foi unha das primeiras persoas que implantou o sistema de cubículos. Ao principio non estaba moi convencido, sobre todo o seu pai, que pensaba que as vacas non ían deitar alí; pero, ao final, funcionou moi ben e niso foi pioneiro na zona.

Como é a súa rutina de traballo?

Nós traballamos cun sistema de cota por darlles un servizo completo. Asesoramos en todo o que é manexo, alimentación e calidade de leite, e colaboramos con especialistas en cada materia.

Especificamente realizamos o control reprodutivo, o manexo dos tests e asesoramento xeral. A rutina é vir cada 15 días e aproveitar esa visita para facer a clínica que pode esperar e o traballo de reprodución.

Ademais, cando xorde algún caso extraordinario á visita periódica, chámannos e vimos. Tamén acudimos con asiduidade para rematar operacións.

En canto a reprodución, que aspectos está traballando?

Raúl instalou colares receptores de celos, cos que estamos satisfeitos. Sincronizamos algunhas vacas e cada 15 días facemos diagnóstico de xestación con ecografía a partir dos 15 días, ademais de confirmacións antes do secado.

Tamén incluímos no programa aquelas vacas que tiveron problemas, como anestro ou quistes ováricos.

É unha granxa correcta. Non é unha explotación na que o aspecto reprodutivo sexa o máis destacado, pero os datos son bastante bos. Ademais, o obxectivo da granxa non é crecer demasiado, polo que tampouco se forza en exceso a reprodución.

En relación coa alimentación e o cambio ao robot, fixo algún tipo de asesoramento?

Si. Revisamos os datos aos que temos acceso para intentar que a granxa obteña os mellores resultados posibles.

Que destacaría desta gandería? Está intentado mellorar algún aspecto?

É unha explotación típica da zona, cuxo obxectivo non é crecer demasiado nin en número de animais nin en produción, senón intentar ter máis calidade de vida, vivir das vacas e non vivir para as vacas. Iso condicionou todas as melloras que foron introducindo, coma o robot, o arrimador ou os colares de detección de celos.

Tamén quero destacar que estamos nunha zona onde a base territorial é moi importante. Eles son tanto agricultores coma gandeiros e, nalgúns casos, séntense máis agricultores que gandeiros.

Creo que aquí esa combinación é ideal para conseguir boas producións e que as ganderías sexan rendibles.


“Busco vacas lonxevas, produtivas, funcionais, non demasiado grandes e, sobre todo, con ubres e tetos ben adaptados á muxidura automática”

Vivir mellor e traballar menos

Raúl Malillos vende toda a súa produción a Pascual dende hai catro anos e valora positivamente as súas esixencias en benestar animal, en calidades e en mellora continua: “Obrígante a progresar e iso é bo”. Está cobrando uns 52 céntimos por litro máis as diferentes primas, nun contexto de incerteza pola renovación de contratos e pola presión baixista do mercado. Coma tantos outros gandeiros, Raúl observa con preocupación os movementos do leite spot e as rebaixas que algunhas industrias intentaron trasladar ao produtor sen que, ao seu xuízo, exista unha base sólida para iso.

Aínda así, a súa visión de futuro na granxa non pasa por grandes revolucións. O seu plan inmediato é manterse estable. “Quizais poida crecer un pouco ata as 65 vacas en muxidura, pero non moito máis. Non quero unha explotación que me escravice, quero unha granxa manexable, rendible e compatible con vivir mellor e traballar menos. Se algún dos meus fillos decide seguir algún día, xa pensarei en novos pasos”, conclúe.

A súa mirada sobre o sector zamorano é prudente. Cre que hai futuro e xente nova, pero tamén moitas granxas envellecidas e unha marxe de crecemento limitado. Na súa opinión, “creo que a produción non aumentará moito nos vindeiros anos”.

Neste contexto, Malillos SC representa unha vía moi concreta para continuar no vacún de leite: unha granxa familiar, con tecnoloxía aplicada, e un gandeiro que apostou por non producir a calquera prezo, senón por un proxecto sensato que faga que mereza a pena quedar.